Foto: Patty Inostroza

Importante: Este porfolio contén fotografía de rúa na que non concibo o feito de solicitar permiso pra obter as imaxes porque iso condicionaría a escena e coido fai perder a esencia da disciplina. Tampouco vexo viábel solicitalo logo da toma porque chamaría tanto a atención no resto de peóns que poderían chegar a tomarme coma unha ameaza.
Con todo, procuro ser respectuoso e non publicar imaxes con xente recoñecíbel pero está claro que o ser humano ten unha capacidade innata pra recoñecerse en calquera imaxe aínda que outros non o poidan facer. No caso de recoñecerte nunha das miñas fotografías agradézote que te poñas en contacto conmigo, sexa pra ben ou pra mal, estarei encantado de tratar o tema coma se merece ademais de dar as explicacións e pedir as desculpas pertinentes pra cada caso en particular.
Podes contactar comigo a través do formulario que aparece na páxina de Contacto ou ben enviándome directamente un correo electrónico a anxodafonte@gmail.com, estarei encantado en todo caso de recibir novas túas.
CAPÍTULO PRIMEIRO
RÚA 35
A cámara é unha extensión dos meus ollos que permíteme conectar cun multiverso onde podo gozar de cousas que sen ela pasaríanme totalmente desapercibidas.
CAPÍTULO SEGUNDO
A LÁMPADA
A Luz o é todo e a lámpada máis potente non son eu quen a acende cada mañá. Un Sol que ademais dáme enerxía suficiente pra manterme activo e receptivo ata que durme agardando un novo abrente.
CAPÍTULO TERCEIRO
REFLEXIÓNS
Alicia traspasou un espello pra aparecer noutra dimensión que a min gústame moito ollar e na que atopo os mundos que gardo nos meus adentros.
CAPÍTULO CUARTO
SALITRE
Non concibo a miña vida sen ter contacto coa Mar, ese arrecendo a salitre e o sabor a peixe e algas, os sons das aves mariñas cosmopolitas e as ondas batendo contra as rochas formando parte do meu ser do cal non podería permanecer moito tempo lonxe e sen berrar forte "NUNCA MÁIS" cada vez que descubro o escuro negro na base dun mineral ou baixo do areal.
CAPÍTULO QUINTO
TRANSPORTE
 A roda foi o gran invento da Humanidade e daquela comezou a meirande viaxe que poderiamos ter feito. Surcar a Mar, o Ceo e incluso coma toupas trasladarmos a través do interior da Terra supoño que sería algo no que só as máis afortunadas mentes podían chegar a imaxinar mentres argallaban algunha interesante historia de ciencia ficción.
CAPÍTULO SEXTO
AUGA
Sen Auga non pode existir a Vida e non só a imos atopar na Mar. Teño moita sorte de vivir nun lugar onde a Chuvia non falta e se non chove por min igual é a min a que me chove, pero cando a choiva humidece o máis profundo do meu maxín, a Loucura volve a transportarme ás dimensións do meu propio Multiverso interior.
CAPÍTULO SÉTIMO
ZONA VERDE
Por sorte e aínda que a piques estivemos de Destruílo Todo, cada vez somos máis conscientes do ben que nos fai ter zonas onde abunde o Verde e a Vida; onde descansar Mente e Corpo da velocidade, a Contaminación e o Ruído... onde renovar o Ar dos nosos Pulmóns... onde pasear escoitando o bruído dos regatos, as pegadas dos corredores, as buxainas dos ciclistas e o chiar da variada veciñanza alíxera que cos seus cantares enchen os ocos que a física non pode ocupar.
CAPÍTULO OITAVO
SOMBRAS
Coma o Día e  a Noite, o Ben e o Mal, a Luz non sería sen Escuridade nin as Tebras existirían sen a Claridade. Nos meus soños perséguenme siluetas que logo collen forma cando saio coa cámara e descubro contornos por tódolos recunchos.
CAPÍTULO NOVENO
MÁIS CA PALABRAS
Que levo toda a vida gozando co acto da Escritura non é un segredo pois algún escuro diaño debéume maldicir coa loucura da Hipergrafía que fai que os meus dedos acaben a xornada chorando de dor por mor das doenzas que sufren xa as miñas articulacións... e se cadra é por iso que aínda que trato de expresarme só con imaxes, ás veces vexo Caligrafías máis ou menos contextuais pero palabras a fin de contas.
CAPÍTULO DÉCIMO
SEN PERDE-LO SORRISO
Non procuro nunca fotografar situacións que poidan ridiculizar ou facer sentir mal ós protagonistas da escena, a miña intención é sempre que formen parte do Anonimato cando penso que poden sentirse mal ó recoñecerse pero iso non significa que sempre eu teña a Razón ó respecto. Porén, non entendo a Fotografía de Rúa sen que de cando en vez me produza a agradábel sensación do sorriso Simpático... sempre tratando de sentir Empatía.
CAPÍTULO UNDÉCIMO
MÁIS ALÁ DA PROPIA VILA
 Penso que as rúas non sempre foron construídas nas Cidades porque a Humanidade non ten unha orixe Urbanita. Non concibo unha Fotografía de Rúa que non inclúa un apartado alonxado da vida Cosmopolita que ademais non ten porqué ser nin tan sequera máis confortábel pois a Felicidade non cha dan as luces de Neón... a felicidade vive en ti e se non estiveches nunca en lugares afastados igual aínda non sabes moi ben como é a sensación de Vivir.
CAPÍTULO DUODÉCIMO
DESAMAÑO
Ó longo do meu Camiño de procuras non podo evitar atopar cousas que me Espantan e sinto un irrefreábel impulso de tratar de Arranxalas dalgún xeito. Non podía rematar esta páxina sen un capítulo adicado ó Feísmo e á miña procura de Reconvertelo nalgo interesante aínda que só sexa pra min.
 Nesta publicación tiveches acceso a dúas formas de contacto pra dar comigo. Eu uso a bitácora coma rede social propia e o correo electrónico no canto da mensaxería.
Quixera, chegados ata este punto, agradecerche a visita e agardo fose do teu agrado e animarte a seguir ollando o resto de porfolios que este sitio garda pra ti.
Unha aperta,
Anxo Dafonte

Outras galerías:

Back to Top